venres, 15 de maio de 2020

17-M. Día das Letras Galegas

17-M. Conmemoramos o Día das letras galegas lembrando a figura de Ricardo Carvalho Calero. 


E rescatando pola súa frescura o programa "A Trabe de Ouro'' presentado por Víctor Fdez.Freixanes e emitido en 1987, enfocado na figura de Ricardo Carvalho Calero, que contou coa participación de F. Pillado e Fernán Vello.



E celebramos a efeméride, paradoxos da vida, en pleno confinamento con fases de “socialización”, o que no deixa de ser todo un paralelismo: confinamento do galego desde hai tempo fronte á normalización. Fálase de nova normalidade, eufemismo que podemos aplicar á situación da lingua galega. Nova normalidade da lingua derivada do seu papel institucional mais que non supón de momento recuperar aquela normalidade dos case sete séculos de vida do galego medieval.
Sabemos moito de confinamento, no entanto temos afouteza suficiente para reverter a situación, e o neofalantismo ten que xogar un papel moi importante no proceso de desconfinamento do idioma galego.
Os datos relativos á lingua habitual por tramos de idade do IGE-2018 non deben desanimarnos:

Gráfico. Elaboración propia

E como ramo achegamos desde o programa Cinephilia de Telemiño dirixido por Simone Saibene un lúcido relatorio do noso "polifacético" compañeiro Severiano Casalderrey sobre cine galego e literatura.

mércores, 29 de abril de 2020

Nova prórroga do VII Concurso Literario Mª Vitoria Taboada

Dada a prolongada situación de confinamento por mor da COVID-19 e debido ao feito de non poder volver ata setembro ás aulas, o IES Ramón Mª Aller Ulloa acorda prorrogar ata o 31 de outubro o prazo de admisión de traballos a presentar ao VII Concurso Literario Mª Vitoria Taboada de poesía, relato curto e sketch teatral, dirixido ao alumnado de ensino secundario, ciclos formativos de grao medio e FPB matriculados en centros da Comunidade Autónoma de Galicia.
Preme no cartel para ler as bases da convocatoria.

https://issuu.com/marelatarabela/docs/concurso_vitoria_convocatoria_2020_bases

mércores, 25 de marzo de 2020

Poemas para un xantar

Sermos poetas 5 dedica unha pequena antoloxía ao Cocido lalinense con catro Poemas para un xantar de carácter satírico, uns, e afervoadamente intimistas, outros; e que nos fan lembrar que non hai moito andabamos ceibes polas rúas de festa en festa. Un motivo máis para agardar un pronto reencontro.
A coordinación correu a cargo do profesor Suso Amboaxe, a creativade textual foi obra de David Fernández Porral, Ana Fuentes González, Sonia Senra Trigás e Aitor Gil Rodríguez; mentres que as ilustracións son de Sofía Gil Madriñán
Parabéns a todas e a todos polo magnífico traballo.

luns, 23 de marzo de 2020

Prorrogado o VII Concurso Literario Mª Vitoria Taboada

Dada a situación de confinamento por mor da COVID-19. o IES Ramón Mª Aller Ulloa acorda prorrogar ata o 30 de abril o prazo de admisión de traballos a presentar ao VII Concurso Literario Mª Vitoria Taboada de poesía, relato curto e sketch teatral, dirixido ao alumnado de ensino secundario, ciclos formativos de grao medio e FPB matriculados en centros da Comunidade Autónoma de Galicia. Animádevos a participar como un momento de lecer creativo no ámbito da corentena.
 Preme no cartel para ler as bases da convocatoria.
 

https://issuu.com/marelatarabela/docs/concurso_vitoria_convocatoria_2020_bases
Tamén podes baixar as bases en PDF



sábado, 21 de marzo de 2020

Día Mundial da Poesía

Hoxe, 21 de marzo, celebramos o Día Mundial da Poesía, e nós queremos sumarnos á conmemoración lembrando uns versos de resistencia de Celso Emilio Ferreiro do poema ´Limiar' do libro Viaxe ao país dos ananos:
           A xeito do S.O.S.
           falo na madrugada:
           Pechai tódalas portas
          e que xa ninguén saia.
E cun videopoema realizado pola alumna Lía Montoto Presas de 4º de ESO, baseado no poema 'Bando' de Manuel María do libro "Documentos personaes".
Agardamos que guste e que sirva un chisco de compañía nestas horas de encerro solidario.

domingo, 1 de marzo de 2020

Marela para "O xardineiro dos ingleses"

Xa temos a disposición do alumnado unha nova Guía de lectura, a nº 16, que se corresponde coa Marela nº 27, dedicada neste caso á novela de Marcos Calveiro O xardineiro dos ingleses.

Lembrade que podedes descargala en PDF.
 
Para máis información visitade a Wikirmau.