luns, 30 de abril de 2018

V Concurso literario Mª Vitoria Taboada: os premios


Xa temos gañadores do V Concurso literario Mª Vitoria Taboada:



Na categoría de poesía a gañadora foi AROA ESPIÑO GONZÁLEZ polo conxunto de poemas titulados respectivamente “Inspiración”, “Depresión” e “Maltrato " por conseguir expresar con precisión e empatía social a variedade extrema da experiencia emocional humana, dende a esperanzada felicidade que proporciona a creación artística ata a crueldade que nega identidades e xera os ocos da depresión.
O xurado outorgou ademais dous accésits:
Un, ao conxunto de poemas titulados, respectivamente, “Ela pasa”, “Muller” e “Nós mesmas”, da autoría de NOA GARCÍA DÍAZ, pola contundente e directa denuncia da violencia sobre a muller, sen renunciar á expresión coidada e orixinal na liña de actuais formas poéticas vinculadas aos novos medios de comunicación dixitais.
Outro, ao conxunto de poemas presentados baixo o lema “Guerra” da autoría de CRISTINA GUERRA VILA, pola orixinal fereza e riqueza da linguaxe empregada para expresar, máis alá dos significados, os vaivéns da paixón amorosa e o absurdo das convencións de xénero
Na categoría de relato curto resultou gañador ROBERTO AGRA BUJÁN polo relato presentado baixo o lema “Agra”, polo atinado xeito en que mestura a denuncia social cos elementos propios do relato gótico. Nun contexto de crise que afoga o protagonista e a súa familia, o autor  sitúa a aquel nunha atmosfera sobrenatural e aterradora, facéndonos partícipes do seu medo e desacougo.
Nesta categoría de relato curto o xurado considerou outorgar dous accésits:
1º accésit para SARA GRANJA SANMARTÍN polo relato titulado “A illa de Ogigia”, por como reinterpreta o mito clásico dende a perspectiva de Calipso, como muller vítima do poder.
2º accésit para ALBA LUGO REY por “Contratempos de artista”, polo xeito case cinematográfico que lle permite ás persoas lectoras visualizar a escena e pola súa riqueza expresiva.
O xurado considerou deixar deserto o premio de sketch teatral.
O 31 de maio, ás 12:00, terá lugar o acto de entrega dos premios na biblioteca do instituto.
 Preme na imaxe para ler os textos premiados:
http://tarabelateca.blogspot.com.es/2018/04/v-concurso-literario-m-vitoria-taboada.html


luns, 23 de abril de 2018

Teatro e Letras Galegas 2018

O próximo 2 de maio terá lugar no Salón Teatro de Lalín a representación da versión teatral que o grupo Limiar Teatro realizou da obra Anagnórise de Mª Victoria Moreno, autora coa celebramos este ano as Letras Galegas. A actividade fíxose posíbel grazas á editorial Galaxia e á aportación económica de alumnado de 3º e 4º de ESO. 

sábado, 7 de abril de 2018

5 pezas teatrais de moita valía

Velaquí unha mostra cativa pero intensa do bo facer teatral de alumnado de 2º ESO C. Son cinco pezas de moito valemento, e ilustradas, coas que sen dúbida desfrutaremos da súa lectura.

martes, 3 de abril de 2018

Encontro con Iria Misa

O pasado luns, 26 de febreiro, tivo lugar na Biblioteca do centro un Encontro literario do alumnado de 2º de ESO coa escritora Iria Misa, arredor da súa premiada novela "Xa non estou aquí".
A seguir unha pequena reportaxe gráfica do encontro:
1. Un momento da charla.

 2. E dúas instántáneas da sinatura de libros.

Microrrelatos e aforismos II

Recuperamos o enlace a issuu da colleita 2018 de microrrelatos e aforismos, grazas ao enxeño do alumnado de 4º de ESO.
Parabéns a todas e a todos por participaren e que desfrutedes da súa lectura.

Benvida

De novo estamos convosco, logo dunha serie de problemas co blog do departamento, o que nos obrigou a abrir un novo blog: Dgalego.