mércores, 25 de marzo de 2020

Poemas para un xantar

Sermos poetas 5 dedica unha pequena antoloxía ao Cocido lalinense con catro Poemas para un xantar de carácter satírico, uns, e afervoadamente intimistas, outros; e que nos fan lembrar que non hai moito andabamos ceibes polas rúas de festa en festa. Un motivo máis para agardar un pronto reencontro.
A coordinación correu a cargo do profesor Suso Amboaxe, a creativade textual foi obra de David Fernández Porral, Ana Fuentes González, Sonia Senra Trigás e Aitor Gil Rodríguez; mentres que as ilustracións son de Sofía Gil Madriñán
Parabéns a todas e a todos polo magnífico traballo.

luns, 23 de marzo de 2020

Prorrogado o VII Concurso Literario Mª Vitoria Taboada

Dada a situación de confinamento por mor da COVID-19. o IES Ramón Mª Aller Ulloa acorda prorrogar ata o 30 de abril o prazo de admisión de traballos a presentar ao VII Concurso Literario Mª Vitoria Taboada de poesía, relato curto e sketch teatral, dirixido ao alumnado de ensino secundario, ciclos formativos de grao medio e FPB matriculados en centros da Comunidade Autónoma de Galicia. Animádevos a participar como un momento de lecer creativo no ámbito da corentena.
 Preme no cartel para ler as bases da convocatoria.
 

https://issuu.com/marelatarabela/docs/concurso_vitoria_convocatoria_2020_bases
Tamén podes baixar as bases en PDF



sábado, 21 de marzo de 2020

Día Mundial da Poesía

Hoxe, 21 de marzo, celebramos o Día Mundial da Poesía, e nós queremos sumarnos á conmemoración lembrando uns versos de resistencia de Celso Emilio Ferreiro do poema ´Limiar' do libro Viaxe ao país dos ananos:
           A xeito do S.O.S.
           falo na madrugada:
           Pechai tódalas portas
          e que xa ninguén saia.
E cun videopoema realizado pola alumna Lía Montoto Presas de 4º de ESO, baseado no poema 'Bando' de Manuel María do libro "Documentos personaes".
Agardamos que guste e que sirva un chisco de compañía nestas horas de encerro solidario.

domingo, 1 de marzo de 2020

Marela para "O xardineiro dos ingleses"

Xa temos a disposición do alumnado unha nova Guía de lectura, a nº 16, que se corresponde coa Marela nº 27, dedicada neste caso á novela de Marcos Calveiro O xardineiro dos ingleses.

Lembrade que podedes descargala en PDF.
 
Para máis información visitade a Wikirmau.