Aproveitando a celebración do 8 de marzo (Día Internacional da Muller), editamos unha nova Guía de lectura, a nº 18, que se corresponde coa Marela nº 29, dedicada neste caso á novela de Antía Yáñez Senlleiras, que en palabras de Ana Novo Cuñarro (alumna do 1º de Bacharelato e integrante do Club de Lectura), nos presenta dúas historias que non coinciden na época cronolóxica, mais si na mensaxe a transmitir: a opresión do patriarcado na vida de calquera muller... Unha voz que nos recorda que non está todo ben e que a loita polos nosos dereitos como persoas continúa día tras día, na escola, no traballo, na casa. Así, a través dos pensamentos das dúas mulleres reflectidos ao longo da obra, amósasenos aquilo que a nosa atarefada vida social e a falsidade das redes sociais silencia cada vez máis.
Blog do Departamento de Lingua galega do IES Ramón Mª Aller Ulloa
martes, 2 de marzo de 2021
Marela para "Senlleiras" e o 8 de marzo
xoves, 25 de febreiro de 2021
Día de Rosalía . Compartindo poemas
Poemas para compartir resultou todo un éxito de participación e as carteiras e os carteiros non daban feito a repatir os poemas rosalianos que unha gran porcentaxe de alumnado dedicou a aquela persoa da comunidade educativa que quixer: compañeiros/as, profesorado, persoal non docente...
Sen dúbida un día moi rosaliano, do que deixamos constancia gráfica, con vídeo e fotos de Daniel Santalla para DZ Dixital:
![]() |
A caixa do correo na que se depositaron as cartas poéticas |
![]() |
As cartas ordenadas por cursos, ou profesorado ou..., agardando ser repartidas |
![]() |
Carme, impulsora da actividade rosaliana |
![]() |
As carteiras e os carteiros antes do reparto |
![]() |
Entregando o correo para repartir |
![]() |
As cartas poéticas xa case están todas en mas das/dos carteiras/os |
martes, 23 de febreiro de 2021
Día de Rosalía
Celebramos o Día de Rosalía coa actividade "Poemas para compartir". Que mellor agasallo que un poema de Rosalía!
E como complemento á actividade propoñemos:
1. Canto sabes de Rosalía? Xogo didáctico suxerido por GCiencia a base de preguntas sobre Rosalía. Animádevos, a ver se as atinades todas.
2. Ler o Manifesto da AELG no Día de Rosalía de Castro 2021.
3. Un paseo literario pola Compostela de Rosalía en Nósdiario.gal.
4. Rexurdimente : Vídeo que o grupo De Vacas vén de publicar nas redes sociais ás portas do Día de Rosalía e do 8M. Un encontro entre Rosalía (a nosa) e Rosalía (a outra) en base a "Malamente". A seguir o vídeo:
domingo, 21 de febreiro de 2021
Día da Lingua Materna sen TikTok pero con Valentín e Xela Arias
No marco da celebración do Día da Lingua Materna non está de máis denunciar políticas lingüísticas baseadas no neoliberalismo lingüístico e no uso recesivo das linguas minorizadas e/ou minoritarias como a levada a cabo por Tiktok ao impedir o uso da lingua galega na campaña da Xunta #aculturasegue para fomentar o consumo cultural a raíz do impacto no sector da pandemia. E nin a actitude compensatoria do DígochoEu e quen de modificar a consideración de lingua de segunda para o galego.
A seguir o vídeo censurado por usar a lingua galega:
E para compensar, o fermoso relato (recuperado pola RAG) de Valentín Arias Xeliña fala galego, no que narra a experiencia como nena criada en galego da súa filla Xela Arias, á que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.
Preme na foto para ler o relato.
![]() |
Xela Arias e o relato de seu pai, Valentín Arias. Xulio Gil / RAG |
sábado, 20 de febreiro de 2021
Día da Lingua Materna : Língu di gente antigo di Macau
Quen anda aí?
Lembramos a quebra na transmisión do galego no Día Internacional da Lingua materna.
Língu di gente antigo di Macau
Lô disparecê tamên. Qui saiám!
Nga dia, mas quanto áno,
Quiança lô priguntá co pai-mai
Qui cuza sä afinal
Dóci paiaçam di Macau?
(Poema en patuá macaense , crioulo de base portuguesa)
venres, 19 de febreiro de 2021
Día da Lingua Materna con Guadi Galego
Neste 2021, “as comunidades con lingua cooficial celebran o Día da Lingua Materna outorgándolle o Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe do Estado Español a Guadi Galego polo seu disco Immersion, que incorpora músicas cantadas en sete linguas do Estado, para o que conta con colaboracións chegadas de toda a Península, como Ivan Ferreiro, Ana Bacalhau, Lisandro Aristimuño, Clara Peya e Judit Neddermann, Andrés Suarez ou Mikel Urdangarin”.
Prexuízos fóra!
Ás portas da celebración do Día da Lingua Materna, quedamos pampos, seica no Senegal se fala castelán. (Sentenciou Pío).
martes, 19 de xaneiro de 2021
VII Concurso Literario Mª Vitoria Taboada. O libro
Malia as circunstancias derivadas da pandemia da COVID-19, comprácenos presentar, e xa van sete, o libro cos textos
gañadores do VII Concurso Literario Mª Vitoria Taboada, con ilustracións
de alumnado do Bacharelato de Artes.
Agardamos que vos agrade a lectura e a observación das ilustracións.
sábado, 16 de xaneiro de 2021
A revista GRIAL en aberto
Coincidindo co 70 aniversario da fundación de Editorial Galaxia, a mesma pon a disposición de todos e de todas en formato PDF, na web da editorial, os 156 primeiros números da revista Grial, correspondendo os 100 primeiros á etapa dirixida por Ramón Piñeiro e Francisco Fernández del Riego (1963-1988), e os 56 restantes á etapa dirixida por Carlos Casares (1989-2002).
E tal como se nos informa, nos próximos meses poderemos acceder á xeira en que Víctor F. Freixanes e Henrique Monteagudo (2002-2019) levaron o temón.
Sen dúbida unha
moi boa nova para estudosos do xornalismo galego e da historia máis recente,
mais tamén para nostálxicos ou simplemente para remexer.
Preme na foto para acceder:
xoves, 14 de xaneiro de 2021
Mapa Sociolingüístico do Centro (MSC-2020)
![]() |
Fonte |
En novembro e decembro de 2020 requiríuselle ao alumnado dos diferentes cursos e grupos da ESO, do bacharelato e da FPB a súa opinión sobre a situación sociolingüística do centro canto a lingua inicial e habitual e usos lingüísticos, a través de enquisas de método cuantitativo con preguntas pechadas ou estandarizas. O traballo de campo concretouse no Mapa Sociolingüístico do Centro (MSC-2020), elaborado polo Equipo de Normalización e Dinamización da Lingua Galega (ENDLG), o Departamento de Galego e a Biblioteca, coa colaboración da Dirección e do profesorado titor.
Da análise dos resultados destacamos a perda de identidade da lingua galega, se comparamos as porcentaxes de lingua habitual galega (35,5%) con lingua inicial galega (46,5%), é dicir, un descenso de 11 puntos; o que reproduce a situación “macrodiglósica” ou de “dobre diglosia superposta” que estamos a vivir.
A seguir o informe do MSC-2020: