Xa podemos ler as reflexións feitas por alumnado de 1º do Bacharelato, ao fío do encontro co escritor Marcos Calveiro.
A charla con Marcos Calveiro foi de grande interese.
Neste curso lemos dous libros del, Fontán e O xardineiro dos ingleses.
En ambas as dúas obras houbo detalles que me foron difíciles de entender ao
lelas, pero estas dúbidas foron aclaradas polo propio autor. A nivel máis persoal, Calveiro falou de problemas que
había na súa comarca cando era mozo (e que seguen existindo, aínda que en menor
medida) coma o tráfico de drogas. Isto é algo do que che pode falar moita
xente, pero unicamente alguén que o viviu pode relatar fielmente o que era iso
e a dor que lle causou a tantas familias.
Tomás Varela
Rodríguez
O luns recibimos a Marcos Calveiro na nosa clase para desfrutar dunha
charla que me resultou moi entretida, xa que foi ensinándonos imaxes dos
lugares nos que ocorreran as historias que leramos, tanto en Fontán como
n’ O xardineiro dos ingleses, e coas que tamén me dei conta de detalles
que na lectura non apreciara. Ademais, contounos abertamente un pouco da súa
infancia en Vilagarcía, e os problemas que alí había, sobre todo coas drogas.
Marta
Simón Reboredo
Persoalmente pareceume moi entretida a visita do escritor Marcos Calveiro
ao centro. Achegoume unha perspectiva diferente a súa charla, logo de ler as
súas novelas Fontán e O xardineiro dos ingleses, xa que nos aclarou
varios conceptos de ambos libros. Ademais, gustoume que nos ensinase fotos e
falase sobre Vilagarcía e a conexión que ten co segundo libro, e mesmo coa súa
vida persoal. Por outra banda, pareceume moi interesante a forma na que escribe
os seus libros porque, como nos contou, empeza por elaborar un final e logo vai
escribindo por partes sen un sentido concreto, para finalmente xuntalas todas
nunha orde cronolóxica correcta.
Aroa
Soto Areán
Hai uns días os alumnos e as alumnas de 1º A do BAC recibimos a visita de Marcos
Calveiro, un escritor de Vilagarcía que veu falarnos un pouco sobre dous
dos seus libros, “Fontán” e “O Xardineiro dos Ingleses”. Despois
do que el nos contou sobre estas obras, eu destaco tres puntos que foron os que
me chamaron máis a atención. Marcos Calveiro comentounos que el, cando
comeza a escribir unha novela, non escribe a historia toda deseguido, senón que
a escribe por escenas e logo xúntaas para así realizar a novela completa. Por
outra parte, tamén me resultou estraño que as dúas novelas das que veu falar
traten sobre temas reais que aconteceron aquí en Galicia. Xa por último o autor
comentounos que el, á parte de ser escritor, tamén ten outros negocios que son
os que lle permiten vivir, xa que dixo que a escritura en galego non dá
para vivir, e iso foi algo que me impactou moito, xa que ao publicar tantas
boas novelas cría que se dedicaba soamente a iso.
Adrián
Jorge Muíños
Cando ves por primeira vez a Marcos Calveiro e a súa mochila de peregrino, esta
imaxe xa anticipa o percorrido histórico que nos vai realizar a través da súa
vila natal, como xa fixera nos seus libros, demostrando de novo a habilidade de
mesturar realidade, ficción e experiencias propias. Tamén nos ensinou a importancia
de valorar o propio e descubrimos moitas figuras descoñecidas, animándonos a
converternos nunha delas.
Brais
Iglesias Montes