Xa temos
gañadores do V Concurso literario Mª Vitoria Taboada:
Na categoría de poesía a gañadora foi AROA ESPIÑO
GONZÁLEZ polo
conxunto de poemas titulados respectivamente “Inspiración”, “Depresión” e
“Maltrato " por conseguir expresar con precisión e empatía
social a variedade extrema da experiencia emocional humana, dende a esperanzada
felicidade que proporciona a creación artística ata a crueldade que nega
identidades e xera os ocos da depresión.
O xurado outorgou ademais dous accésits:
Un,
ao conxunto de poemas titulados, respectivamente, “Ela pasa”, “Muller” e “Nós
mesmas”, da autoría de NOA GARCÍA DÍAZ, pola contundente e directa denuncia da
violencia sobre a muller, sen renunciar á expresión coidada e orixinal na liña
de actuais formas poéticas vinculadas aos novos medios de comunicación
dixitais.
Outro,
ao conxunto de poemas presentados baixo o lema “Guerra” da autoría de CRISTINA
GUERRA VILA, pola
orixinal fereza e riqueza da linguaxe empregada para expresar, máis alá dos
significados, os vaivéns da paixón amorosa e o absurdo das convencións de
xénero
Na categoría de relato curto resultou gañador ROBERTO AGRA BUJÁN polo relato presentado baixo o lema
“Agra”, polo atinado
xeito en que mestura a denuncia social cos elementos propios do relato gótico.
Nun contexto de crise que afoga o protagonista e a súa familia, o autor sitúa a aquel nunha atmosfera sobrenatural e
aterradora, facéndonos partícipes do seu medo e desacougo.
Nesta categoría de relato curto o xurado considerou
outorgar dous accésits:
1º accésit para SARA GRANJA SANMARTÍN polo
relato titulado “A illa de Ogigia”,
por como reinterpreta o mito clásico
dende a perspectiva de Calipso, como muller vítima do poder.
2º accésit para ALBA LUGO REY por “Contratempos de artista”, polo xeito case cinematográfico que lle
permite ás persoas lectoras visualizar a escena e pola súa riqueza expresiva.
O xurado considerou deixar deserto o premio de sketch
teatral.
O 31 de maio, ás 12:00, terá lugar o acto de entrega
dos premios na biblioteca do instituto.
Preme na imaxe para ler os textos premiados:
Ningún comentario:
Publicar un comentario