sábado, 29 de maio de 2021

Encontro dobre con Antía Yáñez : os actos

 O venres, 28, tivo lugar o dobre encontro programado dos Clubs de lectura con Antía Yáñez, ao fío da lectura de Senlleiras por parte dos Club de Bacharelato e do profesorado e d'O misterio de Portomarín polo Club de 1º e 2º da ESO.

En ambos casos o encontro resultou ameno participando activamente os diferentes clubs, sobre todo os máis cativos que amosaron moita complicidade coa escritora.
A seguir unhas fotos do acto cos de Bacharelato e profesorado:


E cos máis cativos:



Posando co Club de lectura de 1º e 2º da ESO

 As fotos, como non, son de Carlos, iso si, coa colaboración de Uxía.



venres, 28 de maio de 2021

VIII Concurso Literario Mª Vitoria Taboada : acto de entrega de premios

 Hoxe tivo lugar a entrega de premios do VIII Concurso Literario Mª Vitoria Taboada, e por segunda vez o acto de entrega estivo condicionado polas medidas anti-COVID-19. Agardamos o próximo curso poder celebrar a entrega de premios co cerimonial que se merece.

No entanto, puidemos contar coa impagable presenza de Antía Yáñez que lles fixo entrega ás persoas premiados dos agasallos:

Lembramos as persoas gañadoras: 

1º premio na categoría de poesía, ANDREA SEGADE ROZAS polo conxunto de poemas titulados, respectivamente, Alma ambulante”, “Soños” e “Aparencias.

Antía Yáñez facendo entrega a Andrea do seu premio

 1º premio na categoría de relato curto, ANA NOVO CUÑARRO polo relato "Natureza".

 

Ana co premio entregado por Antía Yáñez

Accésit na categoría de relato curto, VICENTE JOSÉ MOSQUERA VALERO polo relato titulado "A primeira visita do Camiñante do Abismo ao seu fogar.

 

Vicente co premio recibido de mans de Antía Yáñez

Posando con Antía tras recibir os seus premios

Lembrar que o libro cos textos premiados está en proceso de elaboración, pendente das ilustracións do alumando do Bacharelato de Artes.

 


Encontro con Marcos Calveiro

 O luns, 31 de maio, terá lugar un Encontro co escritor Marcos Calveiro do alumnado de 1º do bacharelato A arredor das novelas Fontán e O xardineiro dos ingleses, e como ramo ás actividades conmemorativas do 17M.



 

xoves, 27 de maio de 2021

VIII Concurso Mª Vitoria Taboada : entrega de premios

O venres, 28, nun sinxelo acto condicionado polas medidas anti-COVID-19 terá lugar na Biblioteca a entrega de premios do VIII Concurso Literario Mª Vitoria Taboada.
Contaremos coa presenza de Antía Yáñez, que fará a entrega de premios, no marco da conmemoración das Letras galegas.


luns, 24 de maio de 2021

Encontro con Antía Yáñez

 O venres, 28 de maio, terá lugar o agardado Encontro coa escritora Antía Yáñez por parte do Club de Lectura ao abeiro da lectura das novelas Senlleiras e O misterio de Portomarín, e dentro das actividades conmemorativas do 17M.




luns, 17 de maio de 2021

Recitando a Xela

 17M

Recitando a Xela é o recoñecemento e a homenaxe que o noso instituto rende a Xela Arias co gallo do Día das Letras Galegas.
Recitando a Xela achéganos á dimensión humana e literaria da homenaxeada. 
A profesionalidade coa que alumnado de 1º e 4º da ESO recita os poemas non ofrece discusión ningunha, coa impagable coordinación e asistencia técnica de Carmen, Lara e Uxía.
Que este vídeo, edición de Severiano Casalderrey,  sobre a loada figura de Xela, sirva para incrementar a presenza acotío da lingua galega, perpetuando no tempo as mil primaveras máis.
 

domingo, 16 de maio de 2021

17M : Día das Letras Galegas

 17-M

Foto: Xulio Gil (Ed. Xerais)



 Conmemoramos o Día das letras galegas  lembrando a figura de Xela Arias a través da reprodución dos carteis da exposición “Xela Arias. Asinamos ser libres” no espazo Recanto das Letras Galegas.
Exposición que podemos visitar  na  Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela ata o vindeiro 31 de maio. 
 



O Club de Lectura quíxose sumar á celebración e aí os tedes posando cos doce carteis “Xela Arias. Asinamos ser libres”.

Ao longo do mes iremos celebrando as letras galegas coa presenza de Marcos Calveiro e Antía Yáñez e outras actividades que están en proceso de desenvolvemento. 
Moi recomendable visitar a entrada Letras Galegas 2021 na web da RAG dedicada a  Xela Arias. Así como o especial sobre Xela Arias de Nós Diario
E non podía faltar a homenaxe musical a Xela Arias. Aquí tedes o videoclip da Banda da Loba, os temas musicais teñen como alicerce poemas de "Intempériome".
 

venres, 7 de maio de 2021

VIII Concurso Literario Mª Vitoria Taboada : o veredicto

O xurado do VIII Concurso Literario Mª Vitoria Taboada acordou por unanimidade outorgar os seguintes premios:

1º premio na categoría de poesía para ANDREA SEGADE ROZAS polo conxunto de poemas titulados, respectivamente, Alma ambulante”, “Soños” e “Aparencias; por conseguir expresar, coa precisión dunha eficaz linguaxe poética próxima ao sentencioso, sensacións universais coma o desconcerto ante o paso do tempo, e os medos e renuncias que nos xera a procura da felicidade.

1º premio na categoría de relato curto a ANA NOVO CUÑARRO polo relato "Natureza", porque consegue, en poucas liñas, construír un personaxe fascinante e abordar cunha brillante metáfora toda unha forma de entender a arte, ou a mesma vida.

Accésit na categoría de relato curto para VICENTE JOSÉ MOSQUERA VALERO polo relato titulado "A primeira visita do Camiñante do Abismo ao seu fogar", por articular en poucas páxinas (que prometen ulteriores desenvolvementos) un mundo fantástico orixinal, grazas ao manexo dunha rica linguaxe que crea unha atmosfera de intriga e que atende con detalle as percepcións e reaccións dos personaxes

O xurado considerou deixar deserto o premio de sketch teatral.

A entrega de premios terá lugar na Biblioteca do instituto, o 28 de maio, ás 11:20, nun breve acto, condicionado polas medidas anti-COVID-19.

A edición do libro cos textos premiados estará acompañada de ilustracións que realizará o alumnado do Bacharelato de Artes e que presentaremos no seu momento.

A seguir os textos premiados (o cartel da portada é obra de Sara Capiscol Pérez):

 

Moitos parabéns!