martes, 19 de xaneiro de 2021

VII Concurso Literario Mª Vitoria Taboada. O libro

Malia as circunstancias derivadas da pandemia da COVID-19, comprácenos presentar, e xa van sete, o libro cos textos gañadores do VII Concurso Literario Mª Vitoria Taboada, con ilustracións de alumnado do Bacharelato de Artes.
Agardamos que vos agrade a lectura e a observación das ilustracións.

 


sábado, 16 de xaneiro de 2021

A revista GRIAL en aberto

Coincidindo co 70 aniversario da fundación de Editorial Galaxia, a mesma pon a disposición de todos e de todas en formato PDF, na web da editorial, os 156 primeiros números da revista Grial, correspondendo os 100 primeiros á etapa dirixida por Ramón Piñeiro e Francisco Fernández del Riego (1963-1988), e os 56 restantes á etapa dirixida por Carlos Casares (1989-2002).

E tal como se nos informa, nos próximos meses poderemos acceder á xeira en que Víctor F. Freixanes e Henrique Monteagudo (2002-2019) levaron o temón.

Sen dúbida unha moi boa nova para estudosos do xornalismo galego e da historia máis recente, mais tamén para nostálxicos ou simplemente para remexer.
Preme na foto para acceder:


 

xoves, 14 de xaneiro de 2021

Mapa Sociolingüístico do Centro (MSC-2020)

Fonte


En novembro e decembro de 2020 requiríuselle ao alumnado dos diferentes cursos e grupos da ESO, do bacharelato e da FPB a súa opinión sobre a situación sociolingüística do centro canto a lingua inicial e habitual e usos lingüísticos, a través de enquisas de método cuantitativo con preguntas pechadas ou estandarizas. O traballo de campo concretouse no Mapa Sociolingüístico do Centro (MSC-2020), elaborado polo Equipo de Normalización e Dinamización da Lingua Galega (ENDLG), o Departamento de Galego e a Biblioteca, coa colaboración da Dirección e do profesorado titor.

Da análise dos resultados destacamos a perda de identidade da lingua galega, se comparamos as porcentaxes de lingua habitual galega (35,5%) con lingua inicial galega (46,5%), é dicir, un descenso de 11 puntos; o que reproduce a situación “macrodiglósica” ou de “dobre diglosia superposta” que estamos a vivir.

A seguir o informe do MSC-2020: 

 
Podedes baixalo en PDF aquí.