luns, 24 de febreiro de 2020

Día de Rosalía

Celebramos o Día de Rosalía lembrando o "Nós cantar cantamos", escolla poética de trinta e seis poemas de trinta e seis mulleres, ilustrados no seu momento por alumnado de Artes de 2º de Bacharelato, como ramo ao ano de Rosalía (2013). 

Preme na imaxe para visualizar o libro.

https://issuu.com/marelatarabela/docs/libro_rosal__a

sábado, 22 de febreiro de 2020

Encontro co Entroido Ribeirao e David Vázquez: a reportaxe gráfica

O xoves 20, tiveron lugar no instituto os anunciados Encontros co Entroido Ribeirao (un dos mellor conservados de Galicia) e co director e etnógrafo David Vázquez quen nos proxectou as arquipremiadas curtametraxes As almas de Fental (sobre a aldeaa baleira) e O Moredo (sobre a recuperación do Entroido Ribeirao).
Ambas actividades complementares foron seguidas dun máis que interesante coloquio.
Podes ver unha mostra gráfica dos Encontros premendo na foto:


https://tarabelateca.blogspot.com/2020/02/encontro-co-entroido-ribeirao-e-con.html 


mércores, 12 de febreiro de 2020

Encontro con... Entroido Ribeirao e David Vázquez

O xoves, 20 de febreiro, achegarémonos ao coñecemento dos entroidos tradicionais galegos, da man de Volantes do Entroido Ribeirao que nos amosarán ás peculariedades do mesmo.
Asemade asistiremos á proxección dos documentais As almas do Fental (sobre a problemática demográfica da zona do Entroido Ribeirao) e O Moredo (sobre a tradición deste Entroido chantadino).



Podedes consultar as actividades programadas no seguinte tríptico:


Saída á Casa-Museo Otero Padrayo


O xoves, 20 de febreiro, un grupo de alumnas de 4º ESO A realizará unha saída á Casa-Museo Otero Pedrayo en Trasalba.
A actividade coordinada polo profesor de Lingua galega Suso Amboaxe forma parte do proceso de gravación dunha reportaxe a elaborar por ditas alumnas sobre un discurso que pronunciou Otero Pedrayo en Padrón no ano 1958, co gallo dunha homenaxe a Ramón Cabanillas celebrada nesa vila. 
Á parte de visitaren a Casa-Museo, farán unha selección dos espazos da casa natal do escritor nos que se gravarán algunhas das intervencións das alumnas na reportaxe, que se complementará con outras escenas rodadas en Lalín.
O obxectivo da actividade é profundar no coñecemento da figura literaria de Ramón Otero Pedrayo e poñer en práctica a aprendizaxe sobre as características da reportaxe televisiva.
Agardamos ver pronto o resultado do traballo de Aroa, Alba, Sofía, Marta, Nuria e Andrea.






Encontro con... Héctor Cajaraville

De novo contaremos coa presenza de Héctor Cajaraville para nos falar do seu libro O segredo da casa de Formoso e, en xeral, da súa obra literaria.

Lembrade que tedes á vosa disposición a Guía de lectura d'O segredo da casa de Formoso e que podedes descargala en PDF

A continuación, unha pequena reportaxe gráfica do Encontro co autor:



sábado, 8 de febreiro de 2020

Encontro con... Crispín d'Olot

A iniciativa de Normalización e do Departamento de Lingua galega, o vindeiro luns, 20, terá lugar no Salón de actos do instituto un Encontro con Crispín d'Olot, xograr contemporáneo, que nos deleitará co seu espectáculo "Raíces galegas", un percorrido polo noso cancioneiro medieval profano e relixioso, e popular, achegándose tamén ao neotrobadorismo de Álvaro Cunqueiro.


A seguir unha pequena reportaxe do encontro con Crispin d'Olot dentro da 
actividade Cant@s Cant@s: