xoves, 10 de decembro de 2020

Compañeira Pilar, compañeira

A compañeira Pilar dinos, logo de toda unha vida entregada á docencia, adeus. E chegado este momento xubilar non está demais lembrar aqueles versos de Celso Emilio:

Pasa o tempo sen deterse, / río infindo de silencio, / río infindo, noite e día, / río infindo, branco e negro”.

Grazas por compartir connosco a túa profesionalidade e ilusión, e moita sorte nesta nova etapa que comezas.



mércores, 18 de novembro de 2020

VIII Concurso Literario Mª Vitoria Taboada de poesía, relato curto e sketch teatral

O Instituto Ramón Mª Aller Ulloa convoca o VIII Concurso Literario Mª Vitoria Taboada de poesía, relato curto e sketch teatral, dirixido ao alumnado de ensino secundario, ciclos formativos de grao medio e FPB matriculados en centros da Comunidade Autónoma de Galicia. 

Preme no cartel, obra da alumna de 2º de Bacharelato de Artes Sara Capiscol Pérez, para ler as bases da convocatoria.


Tamén podes baixar as bases en PDF.

 

martes, 17 de novembro de 2020

Acto de entrega de premios do VII Concurso Literario Mª Vitoria Taboada

 Hoxe, martes 17 de novembro, tivo lugar na Biblioteca, nun sinxelo acto condicionado polas medidas anti-COVID, a entrega de premios do VII Concurso Literario Mª Vitoria Taboda.

As profesoras Mª do Carme Frade e Uxía Nogueira fixéronlles entrega ás gañadoras dun máis que merecido agasallo.
En breve poderemos desfrutar do libro cos textos gañadores do VII Concurso Literario Mª Vitoria Taboada, con ilustracións que o alumnado de Deseño está a elaborar.
De novo os nosos parabéns para Ana Novo Cuñarro e Andrea Segade Rozas.
 
A seguir un par de fotos do evento:
 


 
 

Marela para "A arte de trobar"

 Nova Guía de lectura, a nº 17, que se corresponde coa Marela nº 28, dedicada neste caso á novela de Santiago Lopo A arte de trobar (lectura obrigada en 1º do Bacharelato).


Lembrade que podedes descargala en PDF.
 
 
Para máis información visitade o Wikirmau.

mércores, 11 de novembro de 2020

Programación didáctica de Lingua galega e Literatura. Curso 2020-2021

Xa podedes consultar a Programación didáctica de Lingua galega e Literatura para o curso 2020-2021, para iso preme aquí.

VII Concurso literario Mª Vitoria Taboada: os premios

 Por fin, logo de dous aprazamentos derivados da COVID-19, xa temos gañadoras do VII Concurso literario Mª Vitoria Taboada:


Na categoría de relato curto resultou gañadora ANA NOVO CUÑARRO polo relato presentado baixo o lema “Por que só nos sentimos...”; o xurado valorou ser quen de suxerir, cunha linguaxe próxima á poesía, a experiencia inefable da tristeza e da alegría como sensacións privadas que conforman toda vida.

Na categoría poesía resultou gañadora ANDREA SEGADE ROZAS polo conxunto de poemas titulados, respectivamente, “[A vida,]”, “Ela...” e “A venda”; por conseguir expresar, coa precisión dunha eficaz linguaxe poética próxima ao sentencioso, sensacións universais coma o desconcerto ante o paso do tempo, e os medos e renuncias que nos xera a procura da felicidade.

O xurado considerou deixar deserto o premio de sketch teatral.

 A entrega de premios terá lugar na biblioteca do instituto, o 24 de novembro, ás 11:20, nun breve acto, condicionado este polas medidas anti-COVID-19.

 

 A seguir os textos premiados:

 Relato:

 1º premio:

Por que só nos sentimos vivos cando somos felices? Non é a tristura parte da existencia?

Non existía ollada no mundo coma a súa, de máxica, de singular. Aquela que observaba o horizonte, ese punto no que se bicaban o ceo e a terra, e semellaba que puidese ver máis aló. Por iso cando me atopei cos seus luceiros verdes ao entrar na aula, tiven a certeza de que a súa visión sobrehumana xa chegara mesmo ata a miña alma. Mais había algo certamente desacougante nela, pois aínda con toda esa fantasía que desprendía entre pestanexos, transmitía unha tristura tal que parecía non chorar por non ter bágoas abondo. Ela non falaba con palabras, só coa música, do mesmo xeito ca un mudo non o fai coa voz, senón coas mans. Así foi que me quedei aquel mércores despois das clases a vela ensaiar dende a porta do ximnasio. Non me mirou nin unha soa vez, non lle fixo falta para ser consciente da miña presenza.

- Pecha a porta - dixo, mentres se erguía do chan, logo de atar os cordóns das zapatillas de ballet rosas descoloridas polo implacable paso do tempo. Fixen tal e como dixo, mais non avancei nin un paso. Quedei parado diante da entrada do ximnasio, ollando para a súa vestimenta:

Vestía unha camisa frouxa branca e unha saia de ensaios negra que, cando ela xiraba, debuxaba no aire espirais de tebras.

Cando escoitei soar un tema de Debussy que non fun quen de identificar, a historia que tiña para contar comezou:

Faloume da historia dun paxaro negro, de plumaxe brillante coma as primeiras raiolas que derreten a xeada polas mañás, e de aparencia sutil coma as folerpiñas das primeiras nevadas do inverno. O paxaro pasaba día si e día tamén parado nun cable de alta tensión, completamente só. Unicamente voaba cando chovía. Planeaba por riba da casa veciña a gran velocidade, bailando coas bágoas das nubes, pois só o facía cando ninguén o vía. Cando ninguén o xulgaba. Cando só eran el e a choiva.

Ela contoume como o viu, como foi a única privilexiada en observar a danza da ave, antes de que o lóstrego a levara para sempre, pechándoa coa súa luz nos seus ollos.

E cando a música cesou e me mirou, souben que levaba bágoas no corpo e raios no mirar, pois era ela pequena, coma as folerpiñas das primeiras nevadas do inverno e o seu cabelo louro era o reflexo do sol que derretía as xeadas polas mañás. Ese sol, único compañeiro do paxaro cando non chovía, cando non vivía.

Ana Cuñarro Novo

Poesía:
1º premio:
 
Ela...
Doce meses no ano.
Catro semanas ao mes.
Sete días por semana.
Vinte e catro horas de ser.
 
Antes contigo,
agora maldigo
Antes xuntas,
agora defuntas.
 
Ata que un día chegou un demo
que con el todo levou.
Mais semellaba babeco,
e nin o sorriso nos deixou.
 
Volva demo volva
e non me teña medo,
traia con vostede o tesouro
que eu máis aprecio.
 
A venda
Solitaria,
sen saída.
Non tiña por onde escapar
nin a quen avisar.
 
Solitaria.
Ela trepaba,
intentábao día tras día,
non tiña saída. 
 
Solitaria.
Con esperanzas.
Só precisaba un raio de luz
pero obcecábase.
 
Solitaria.
Ata que ese raio de luz,
esa pequena esperanza
resultan.
 
Nunca estivo soa,
só cegada.
Mais mira con medo 
o volver ser pegada.
 
A vida,
todo comeza como se nada,
pequenos e indefensos,
inocentes e inquietos.
 
Pero pronto chegas ao colexio,
aprovéitao, é un privilexio.

Cun pestanexar de ollos,
xa te ves cos monomios.
E cando está a bocexar,
aparece a estrutura molecular.
 
A xente maior ten razón,
a vida de estudante é a mellor,
vagueamos por estudar
e nun futuro  por traballar.

Mais isto sempre foi así,
nacemos para nos queixar.

Todos coñecedes estes dicires 
que resumen o que acabas de ler.
Os pequenos queren ser maiores
e os maiores volveren crecer.
                                      Andrea Segade Rozas

martes, 3 de novembro de 2020

Día de Neira Vilas

 De novo o noso centro súmase á iniciativa da Fundación Xosé Neira Vilas de celebrar o 3 de novembro o "Día de Neira Vilas", ao abeiro da conmemoración do seu nacemento; e non está de máis lembrar a Marela dedicada a “Memorias dun neno labrego”:

 

Así como o Encontro con Xosé Neira Vilas, de 23 de abril de 2012:








 

martes, 20 de outubro de 2020

Centenario da revista Nós e da Xeración Nós (1920-2020)

  O 30 de outubro de 1920 saía do prelo de La Región de Ourense o primeiro número da revista Nós que daría nome a toda unha a xeración, a Xeración Nós da que formaron parte, entre outros,  Castelao, Vicente Risco, Otero Pedrayo ou Florentino López Cuevillas; converténdose a revista entre 1920 e 1936 nun inesgotable laboratorio de ideas alicerzadas  no debate cultural e na creatividade artística para a construción de Galicia como Nación cultural no mundo.

Contan as crónicas que “en xuño de 1920 se celebrou unha xuntanza en Pontevedra á que acudiron Vicente Risco, Castelao, Ramón Cabanillas e Antón Losada Diéguez para discutir a creación dunha revista monolingüe sobre a cultura galega, que deciden chamar Nós a proposta de Castelao, decidindo tamén o lugar de impresión, a imprenta de La Región en Ourense e o director literario, Risco, e o artístico, Castelao. Posteriormente encargáronlle a Arturo Noguerol o financiamento, para o que constituíu unha sociedade mercantil”.

En 1923 pasou a se imprimir en Pontevedra ata que despois do número 18 a ditadura de Primo de Rivera suspendeu a publicación.

O 25 de xuño de 1925 aparece de novo por iniciativa de Ánxel Casal na Coruña e coa colaboración de membros do Seminario de Estudos Galegos, ademais de colaboradores da primeira época. A partir do número 88 imprentouse en Santiago. O último número (139-144) saíu do prelo pouco antes da sublevación militar de 1936 e non se chegou a distribuír, tan só dous exemplares sobreviviron á queima da imprenta de Ánxel Casal polos sublevados.

Canto ao papel histórico da Xeración Nós, Xosé Miguel Andrade Cernadas e Anselmo López Carreira en  O Reino medieval de Galicia. Crónica dunha desmemoria afirman que as xentes de Nós “articularon unha concepción da sociedade galega conforme aos parámetros da modernidade democrática e renovaron a actividade cultural poñéndoa ao nivel da contemporaneidade... Tan impensable sería hoxe Galicia sen as Cousas ou o Sempre en Galiza de Castelao, ou sen a revista Nós e tantas outras cousas, como sen as Follas novas de Rosalía, a praza do Obradoiro, o románico ou os castros”.

A seguir reproducimos a editorial do primeiro número da revista, titulado Primeiras verbas, que dicía así: 

Pra ledicia de todos e pra enseño de moitos, sai oxe Nós. 
É a ansia qu'oxe sinte Galizia de vivir de novo, de volver ó seu ser verdadeiro e inmorrente, a evidencia luminosa do mañán, o que nos fai saír. Temos unha fe cega, asoluta, inquebrantabel na vitalidade e no xenio da nósa Raza, e mais na eficacia do nóso esforzo pra levala ó acomprimento do seu fado grorioso. Oxe chegou á vida na nósa Terra unha xeración que se deprocatou do seu imperioso deber social de crearen pra sempre a cultura galega. Endexamais foi meirande a nósa autividade creadora. Nós ven a recoller todos ises esforzos d'integración da Patria galega no seu xa rico polimorfismo
Os colaboradores de Nós poden ser o que lles pete: individualistas ou socialistas, pasatistas ou futuristas, institucionistas ou racionalistas, naturistas ou humanistas; pódense pór en calquera das posicións posibles respecto das catro antonimias da mente contemporánea; poden ser hastra clásicos, con tal de que poñan por riba de todo o sentimento da Terra e da Raza, o desexo coleitivo de superación, a orgulosa satisfaición de seren galegos. 
Nós ha ser un estudio piedoso e devoto, cheo de sinceridade, de todol-os valores galegos: dos nósos valores tradicionás, e mais dos valores novos que cada día estanse creando na nósa Terra. 
Nós ha ser a representación no mundo da personalidade galega na sua ansia de s'afirmare coma valor universal, autóctono, diferenciado, dentro ou fora da Terra.  
Nós ha ser a afirmación pra sempre do verdadeiro ser de Galizia, do Enxebrismo, no que ela tén, debe e quere persistire. O Enxebrismo é a nósa orixinalidade específica, a nósa capacidá de creación, o nóso autóctono dinamismo mental. Querendo suprimir entremediarios antr'o pensamento galego e o pensamento dos pobos cultos, Nós abre as suas páxinas a prestixiosas persoalidades estranxeiras que contan de nos honrar co'a sua colaboración e tamén ha informar ó púbrico galego do movemento das ideias no mundo civilizado. Nada mais. 
Querendo suprimir entremediarios antr'o pensamento galego e o pensamento dos pobos cultos, Nós abre as suas páxinas a prestixiosas persoalidades estranxeiras que contan de nos honrar co'a sua colaboración e tamén ha informar ó púbrico galego do movemento das ideias no mundo civilizado. Nada mais.  
E, ós que s'asombren da nósa confianza, da nósa firme ledicia ó principiar un traballo rudo, hémoslle dicir que temol-a evidencia de sermol-os o millores, os mais doados, os mais fortes; de que todal-as forzas do esprito están conosco, de que imos trunfar por sermos nós, por sermos galegos, e por teren o Tempo e o Mundo os que o piden... 
Nós conta achar'agarimo e xenerosa axuda en todol-os que sintan d'iste xeito.
A todol-os que nos lean. 
SAÚDE E TERRA.

 Pódense ler e/ou descargar os números en Galiciana, Biblioteca Dixital de Galicia.

Unha recomendación: a visita á exposición Galicia, de Nós a nós que reúne na Cidade da Cultura máis de 300 pezas, o que sen dúbida constitúe unha das mostras máis completas e ambiciosas realizada nunca sobre a Xeración Nós. A exposición conta con obras procedentes de Francia, Alemaña e Portugal, amosando as conexións internacionais da revista Nós o que supuxo darlle unha dimensión de universalidade e apertura á cultura galega. Máis información sobre o evento en:

https://www.cidadedacultura.gal/es/evento/galicia-de-nos-nos





mércores, 1 de xullo de 2020

De San Simón a Ponteceso

Unha viaxe poética desde o século XII ata o XIX, das "Ondas do mar de Vigo" ata o cabo Ougal, de María Pérez a Breogán; protagonizado por alumnado de 2º de Bacharelato A e profesorado do instituto e coa colaboración de Celso Fernández Sanmartín, Helena Villar Janeiro, Ana Cabaleiro, Carlos Negro e o profesor emérito Mario Pereira.
A música é de Milladoiro, a montaxe de Rubén Fontán Taboada e a coordinación de Mª do Carme Frade.

venres, 15 de maio de 2020

17-M. Día das Letras Galegas

17-M. Conmemoramos o Día das letras galegas lembrando a figura de Ricardo Carvalho Calero. 


E rescatando pola súa frescura o programa "A Trabe de Ouro'' presentado por Víctor Fdez.Freixanes e emitido en 1987, enfocado na figura de Ricardo Carvalho Calero, que contou coa participación de F. Pillado e Fernán Vello.



E celebramos a efeméride, paradoxos da vida, en pleno confinamento con fases de “socialización”, o que no deixa de ser todo un paralelismo: confinamento do galego desde hai tempo fronte á normalización. Fálase de nova normalidade, eufemismo que podemos aplicar á situación da lingua galega. Nova normalidade da lingua derivada do seu papel institucional mais que non supón de momento recuperar aquela normalidade dos case sete séculos de vida do galego medieval.
Sabemos moito de confinamento, no entanto temos afouteza suficiente para reverter a situación, e o neofalantismo ten que xogar un papel moi importante no proceso de desconfinamento do idioma galego.
Os datos relativos á lingua habitual por tramos de idade do IGE-2018 non deben desanimarnos:

Gráfico. Elaboración propia

E como ramo achegamos desde o programa Cinephilia de Telemiño dirixido por Simone Saibene un lúcido relatorio do noso "polifacético" compañeiro Severiano Casalderrey sobre cine galego e literatura.